Din que os pavillóns baleiros non teñen alma. Pero en Santa Isabel gárdanse os nosos soños e os de moitos nenos e nenas que escolleron o fútbol sala.
Hai tres anos eramos un grupo de amigos cunha idea: facer fútbol sala en Santiago dende a base, un fútbol sala para todos guiado polos nosos valores de sempre: o respecto, o compañeirismo e a igualdade.
Aquí aprendemos moito máis que a dar patadas a un balón. Aprendemos que cando un compañeiro cae, levantámolo antes de seguir xogando. Que respectar ao rival é a mellor vitoria e que estes principios valen máis que calquera título. Todo isto é grazas a cada persoa que forma esta gran familia e que enche de vida Santa Isabel día tras día.
A Segunda B son centos de quilómetros, autobuses, hoteis e comidas. É un esforzo enorme, e para que este motor non pare e sigamos medrando, necesitamos o teu alento.
Sente este escudo como algo teu. Ven connosco, agardámoste na casa.